ABS España e Embriovet chegan a un acordo de colaboración para prestar servizos e asistencia aos clientes

ABS Global, con sede en DeForest (Wisconsin, Estados Unidos), é unha empresa de xenética de vacún cunha traxectoria de máis de 75 anos, 70 países e 1.600 colaboradores, cos que se asocia para ofrecerlles solucións a medida co obxectivo de axudar a producir leite e carne de maior calidade.

Embriovet é unha compañía galega con sede na Coruña especializada en mellora xenética bovina que traballa en toda España e Portugal. Ofrece ao cliente servizos de transferencia embrionaria, asesoramento xenético e comercialización.

ABS recoñece o bo facer de Embriovet e as súas capacidades na mellora xenética e, pola súa parte, Embriovet está interesado en acceder aos servizos de ABS. Estas circunstancias derivaron na sinatura dun acordo de colaboración para a prestación de servizos aos gandeiros coa finalidade de promover e incentivar a produción de xatos con alto valor xenético dunha maneira máis eficiente e sustentable.

Dende ABS España afirman que continúan traballando en establecer alianzas con empresas líderes clave do sector gandeiro e agroalimentario que axudarán aos seus clientes na toma de decisións de negocio presentes e futuras.