“Vaian onde vaian, os meus fillos sempre van ter os valores que aprenderon no campo”

A paixón e a emoción coa que narra Mariano Calle a súa vida en El Tremedal, unha pedanía situada a 1.500 metros de altitude, en plena serra de Gredos, é digna de escoitar. Gandeiro de profesión e defensor do campo por devoción, o noso novo protagonista de #YoSoyCampo, de Virbac, fálanos da importancia de defender o bo facer do mundo rural e de como lles está transmitindo os seus valores aos seus fillos. Ver en Vaca Pinta 44.

“Sempre fun gandeiro, sempre vivín na aldea”, preséntase Mariano Calle, un pioneiro da gandería ecolóxica en Castela e León. Concretamente, leva 30 anos criando vacas: ten unha explotación con 120 cabezas de asturiana de montaña e con outras 50 de limousin. Respecto desta segunda raza, forma parte do seu programa de mellora xenética e é participante habitual de concursos morfolóxicos rexionais e nacionais.

“Son unha persoa afortunada por facer o que fago con ilusión, e agora aínda máis, porque podo ensinarlles aos meus fillos todo o que sei e o que me transmitiron a min”, celebra.

Esteban e Kike serán algún día, con sorte, a súa remuda xeracional, “e non só dunha profesión tan bonita e necesaria como a gandería, senón tamén dunha forma de vida”, subliña. “Todo o mundo fala da España baleirada, dos problemas do mundo rural e da extinción dunha chea de especies, pero non se preocupan pola desaparición das aldeas, que aos poucos están a agonizar”. Con elas, perderase un estilo de vida, “unha sabedoría infinita e unha maneira de traballar e de vivir con respecto e con humildade, algo que nos fai moita falta hoxe en día” advirte.

Co tempo, lamenta, “xa ninguén saberá afillar un becerro, ou desbravar un poldro, e todo por unhas políticas absurdas, conservacionistas, feitas por ecoloxistas de azotea que, desde os seus despachos, non saben distinguir un año dunha cabrita ou unha cerva dunha corza”.

Calle apunta cara á chave que son as novas xeracións para cortar esta situación: “Aínda non é tarde para conservar todo isto ensinándolles aos nosos fillos, e ao resto do mundo, que nós soamente queremos traballar no que nos gusta, con ilusión”.

Isto non parece fácil, xa que vivimos unha época na que a gandería asemella estar baixo constante escrutinio público. “Todo o mundo opina sobre o que facemos, falan de que somos uns maltratadores e uns explotadores de animais... dino mesmo os que teñen dous cans en 50 metros cadrados e lles dedican media hora ao día!”, remarca. “A realidade é que ninguén ve o agarimo e o esmero co que tratamos o noso gando, non ven o frío e a calor que pasamos por eles cando están enfermos ou de parto… Viven tan afastados do campo que non comprenden como nos desvivimos polo seu benestar”. 

Falando do futuro, Calle explica que todo o que espera dos seus fillos é que sexan felices e que se dediquen ao que máis lles guste, como el mesmo puido facer. “O que si creo que é necesario é que coñezan isto, a nosa forma de vida, como traballamos, a nosa sensibilidade cos animais… e, desde logo, esas cousas soamente se aprenden aquí, no monte, facendo o que facemos”, salienta.  “Os meus fillos montan a cabalo e son quen de distinguir a pegada dun cervo, dun xabaril ou dun corzo, e, á vez, non son alleos ao que saben todos os demais nenos”, enuncia Mariano, con orgullo. “Creo que son afortunados por poder vivir todo isto, é unha lección que lles vai valer para toda a vida. Vaian onde vaian e fagan o que fagan, sempre van ter os valores que aprenderon no campo”.