MANUEL SANDAMIL

Moito en xogo na mesma balanza

O sector leiteiro de todo o país está comenzando a camiñar cara a unha etapa na que os custos de produción parece que non van virar á baixa e na que os prezos do leite xa levan varios meses cun descenso que non parece chegar aínda ao fin.

Os contratos firmados nos últimos meses rebaixaron os prezos e non podemos consentir que os pasos gañados no último ano se desanden tan rapidamente, porque a nosa situación para producir o produto non é diferente, nin por suposto mellor; é exactamente a mesma.

Desde as asociacións frisonas que represento, tanto Africor Lugo como Fefriga e recentemente Conafe, estamos convencidos de que faremos o posible por defender o noso traballo e os nosos negocios, xa que cada unha destas entidades ten como un dos seus principais obxectivos defender a situación dos seus gandeiros e gandeiras. Así o faremos!

Ademais, estamos centrados na mellora das nosas explotacións, en canto a rendibilidade se refire, porque estamos chamados a ser cada día máis eficientes. Debemos ter a mente aberta a todas as innovacións que chegan ao noso sector, para aplicalas nas nosas granxas e sacarlles o máximo partido. 


Os contratos firmados nos últimos meses rebaixaron os prezos e non podemos conseguir que os pasos gañados no último ano se desanden tan rapidamente 

Nestas liñas quero facer especial mención ao noso Control Leiteiro, referencia non só a nivel europeo senón tamén a nivel internacional. É unha ferramenta que segue a ser indispensable, porque se adapta aos continuos cambios e avances que chegan á gandería, e a recollida e análise de datos que supón está sendo aproveitada por granxas, entidades e industrias. Neste senso, creo que as industrias deberan incidir moito máis sobre os seus gandeiros para que todos aqueles que lles venden o leite formen parte deste sistema, un programa do que as propias industrias tamén sacan os seus rendementos.

Ao mesmo tempo, tamén quero destacar a importancia de seguir actualizando e rexistrando como debemos o Libro Xenealóxico da raza. Manter identificados todos os nosos animais permite ter acceso a todo tipo de información sobre eles e continuar logrando unha mellora constante do noso rabaño, asunto do que nos beneficiamos todos.

Outro piar básico do día a día das asociacións é a formación continua. Queremos que os nosos gandeiros e gandeiras estean ao día das últimas innovacións e que as novas xeracións teñan acceso a coñecer como pode ser o seu futuro se apostan por manter a gandería de leite en Galicia. De feito, este verán en Fefriga non nos conformamos cunha soa Escola de Iniciación para Futuros Gandeiros, senón que agora en setembro, imos celebrar unha nova edición.

É un orgullo ver como a xente nova vén detrás pisando forte, con interese por aprender e ganas de loitar por esta profesión.

Non nos esquezamos de que o futuro de toda a sociedade está en xogo. Sobre a balanza está que poidamos continuar comendo alimentos de proximidade, con garantías de calidade e a uns prezos razoables, que non dependamos doutros países estranxeiros, como nos demostrou claramente a pasada pandemia. Sobre a balanza está que se manteñan miles de familias que viven directa ou indirectamente do lácteo e sobre a balanza está que a paisaxe na que vivimos se conserve como nos gusta.

Será unha responsabilidade conxunta poder seguir vendo, dentro duns anos, as nosas terras coidadas, os negocios e as industrias coas portas abertas, sen as súas reixas baixadas, e a xente comendo alimentos de calidade a uns prezos xustos para toda a cadea. Esta imaxe depende de todos!