GEA EN GANADERÍA SAR

Future Cow, a preparación das vacas para o muxido nunca foi tan fácil

Future Cow é a solución ideal de GEA para esquecerse de todo o proceso previo ao muxido, pois encárgase nunha única colocación do lavado, a desinfección, a estimulación e o secado do teto. Na Ganadería Sar, de Touro (A Coruña), lévano utilizando un ano e medio e están encantados cos seus resultados. Falamos cun dos seus propietarios, José Sandá, e co director comercial de Posvenda de GEA, Francesc Oliva, para coñecer todos os seus beneficios. Ver en Vaca Pinta 44.

O sistema Future Cow está formado por unha unidade de cepillado mecánico que lava, desinfecta, estimula e seca os tetos para preparar rapidamente a vaca para o muxido.

Segundo explica o responsable de Posvenda de GEA en España, Francesc Oliva, “a gran vantaxe deste sistema é que conseguimos realizar toda a rutina previa ao muxido nun só paso”, o que lle permite ás ganderías esquecerse do uso de papeis ou trapos.

Con Future Cow redúcense os tempos de muxido e lógrase unha mellor calidade de muxido e calidade de leite, porque as vacas son preparadas de maneira homoxénea e dan leite máis rápido. “Todo, por suposto, debe ir acompañado dun bo manexo das camas, dunha correcta alimentación e dun bo xogo de muxido coas súas correctas tetoeiras”, matiza Oliva.

Todo a base de dióxido de cloro e auga

O sistema Future Cow funciona cun produto con base en dióxido de cloro e auga. A máquina realiza a mestura e inxecta directamente o produto na pistola. O operario non ten que facer ningún preparativo. “O produto elabórase ao momento para conseguir todas as vantaxes da preparación instantánea”, puntualiza o técnico de GEA.

Outra das súas grandes vantaxes, con respecto a outras máquinas que existen no mercado, é que o seu motor está fóra do sistema, o que facilita unha gran redución de custos de mantemento. “Só nos temos que preocupar –indica Francesc Oliva– de cambiar os seus cepillos cada 10.000 muxidos. A inxección do produto é totalmente automática”. O que si se recomenda é programar un plan de mantemento para que a máquina funcione durante todo o muxido,  non falle e non haxa problemas.

Para uns bos datos de calidade de leite é aconsellable que o asesor correspondente da granxa traballe en equipo co gandeiro e cos técnicos de GEA para personalizar e adaptar a mestura do produto ás necesidades de cada gandería. “Esta persoa debe alertarnos de posibles problemas con  patóxenos como Staphylococcus aureus ou uberis para poder traballar en consecuencia e efectuar a eliminación ou a prevención de certas enfermidades”, engade Oliva.

Adaptable a todo tipo de salas

Future Cow está pensado para granxas de muxido en convencional, ben sexan salas rotativas, paralelas ou en espiña de peixe. Podería adaptarse a ganderías de 50 ou de 5.000 vacas e a salas de GEA ou de calquera outra marca.


“O produto elabórase ao momento para conseguir todas as vantaxes da preparación instantánea”

Localización: Touro (A Coruña)

Número total de animais: 1.300

Vacas en muxidura: 650

Número de muxidos: 3

Media de produción: 42-43 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,60 %

Porcentaxe de proteína: 3,45 %

RCS: 190.000 cél./ml

Que sistema de muxido teñen?

Muximos 3 veces ao día nunha sala 2x16 de muxido traseiro de GEA. Contamos con identificación dos animais por podómetros e o programa da sala facilítanos datos de actividade e celos.

Por que decidiron adquirir o sistema Future Cow?

Interesábanos reducir tempos no muxido, lograr unha mellor comodidade na rutina de muxido e conseguir maior benestar animal.

Cando comezaron a utilizalo?

Empezamos a traballar con Future Cow hai ano e medio, máis ou menos.

Como se utiliza?

Cun só paso limpa, desinfecta, estimula e seca o teto da vaca e, inmediatamente, pódese colocar o xogo de muxido.

En cada muxido traballan dous operarios e a sala dividímola en dúas partes con dous sistemas Future Cow. A primeira metade, con 16 puntos, oito de cada lado, e a outra metade con exactamente o mesmo.

Prepararíanse os oito animais dun lado co Future Cow, logo colócanse as tetoeiras e, seguidamente, prepáranse os outros oito animais do outro lado. Cada operario realiza ese mesmo proceso.

Que beneficios lles achega o sistema Future Cow?

Con respecto a realizar o proceso manualmente, notamos que os tempos son menores e a rutina é sempre igual e homoxénea. Sexa o operario que sexa, a máquina leva a cabo a limpeza, a desinfección, a estimulación e o secado tal e como queremos.

Logramos reducir cada quenda de muxido media hora, é dicir, un total dunha hora e media ao día. Con iso, aforramos tamén moito na factura da luz.


“Logramos reducir cada quenda de muxido media hora e os traballadores están encantados”

En canto á comodidade do traballador, ao principio é verdade que a máquina lles pesaba un pouco, pero, en canto pasaron quince días, estaban encantados co novo proceso e non queren nin acordarse do sistema anterior.

Ademais, grazas a este investimento, non utilizamos trapos nin papel. O seu uso só implica un protocolo de mantemento sen máis gastos engadidos.

Tras ano e medio de traballo con este sistema, recomendaríano?

Si. Recomendaríallo a calquera gandeiro porque logramos unha mellor rutina de muxido, un aforro importante en papel e unha mellora nos tempos de traballo, que se nota moito xa que o muxido é un dos traballos máis pesados.