Paso ao muxido robotizado de man do Lely A5

O tráfico libre, factor ineludible para Can Raset

Lely celebrou en Can Raset unha xornada de portas abertas na que os asistentes puideron coñecer de primeira man a experiencia destes gandeiros co muxido robotizado. En Vaca Pinta 40 coñecemos esta granxa catalá que está muxindo as súas produtoras con dúas unidades do Lely Astronaut A5 e que, ademais, é a primeira explotación da península en incorporar duchas nos seus robots para combater o estrés por calor.

“Tiñamos claro que se montabamos robots tiña que ser con tráfico libre; para nós é básico porque cremos que a vaca ten que ir ao muxido cando queira, cando se sinta ben”, conta Francesc Raset, copropietario de Can Raset, unha gandería situada en Vidreres (Xirona) que leva catro meses traballando con dous robots Lely Astronaut A5.

Tomaron a decisión de instalalos porque non tiñan ningún traballador e porque cren que a robotización é o futuro. Nestes meses funcionando cos A5 viron como a produción aumentaba (sen que isto repercutise nas calidades), á vez que se incrementaba a media de muxidos: en primíparas chegan xa case aos 3 muxidos e en multíparas roldan os 2,6.

Na actualidade, teñen preto de 140 animais en muxido (no patio de primíparas hai unhas 68 vacas e no de multíparas, ao redor de 71), producindo unha media de 37 litros/vaca/día, cun 3,45 % de proteína e un 3,80 % de graxa e cun reconto celular por baixo das 200.000 cél./ml.



O TRÁFICO LIBRE, O MELLOR PARA O ANIMAL E PARA O GANDEIRO

Esta é unha granxa moi especial para Lely porque lles permite mostrar perfectamente como funciona o modelo de tráfico libre: “Nesta gandería fanse máis de 190 muxidos por robot ao día, dato que se consegue deixando que sexan as vacas as que decidan cando ir muxirse”, destaca Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing de Lely Center Los Corrales. En Can Raset ninguén arrima vacas ao robot, van por si soas.

Diante das máquinas contan cunha zona o suficientemente ampla como para que non se molesten unhas a outras, logo nunca se darán situacións de bullying animal; o robot é, en todo momento, un lugar cómodo para elas. “Todo isto permite que ata en días de altas temperaturas, en pleno verán, non se requira a presenza de man de obra para achegar vacas. Grazas a todo isto, conseguimos o maior rendemento con menos persoal e garantindo o maior benestar animal”, valora Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña.

Para Raset é primordial deixar que os seus animais vaian ao seu ritmo, que se levanten e acudan a muxirse cando queiran, que coman cando o necesiten... “Entendemos a importancia de que estean tranquilas porque sabemos que o seu benestar se traduce en maiores ingresos a final de mes”, afirma. Os atrasos non son un problema en Can Raset con este sistema: contan que soamente dedican unha media hora á primeira hora da mañá a atender este aspecto, á que se suma outra media hora diaria de limpeza e revisión do robot. Unha hora en total para revisar todas as tarefas que engloba o muxido nesta gandería.

“Con esta xornada de portas abertas o que queremos é ensinarlle á xente que as vacas van soas muxirse, que non necesitamos facer batch milking”, afirma Sánchez. O tráfico libre é o mellor sistema para as vacas e o mellor para as vacas, subliñan, sempre será o mellor para o gandeiro.



ÁREAS DE SEPARACIÓN POR BENESTAR E POR COMODIDADE

Nesta gandería dispoñen, na parte posterior dos robots, de áreas de separación onde se atopan as recentemente paridas, as secas e os animais que requiren dalgunha atención especial. “Imaxinemos o traballo que sería coller a todos estes animais e movelos a unha zona afastada da área de muxido para logo volver traelos ata aquí… Non lles gustaría en absoluto”, asevera o delegado de vendas de Lely en Cataluña.

“Neste sentido, estamos a ver o útiles que son as áreas de separación dos robots, tanto para traballar con máis comodidade, como para que os animais estean máis tranquilos”, apunta Raset. Estas zonas potencian dous factores clave en calquera granxa: rendibilidade e benestar. “Podemos atender mellor ás vacas que o necesitan, o que redunda nunha maior lonxevidade e en menos coxeiras, e todo iso con moi pouca man de obra”, di o responsable de vendas da empresa.

Ademais, expón Etxaiz, nestas áreas “é máis fácil afacer as vacas ao primeiro muxido, porque van entrar ao robot sen que ninguén as moleste e será algo que farán sen que supoña unha maior carga de traballo para nós”.



SOLUCIÓNS DE MONITORIZACIÓN E PARA PALIAR O ESTRÉS POR CALOR

Can Raset é a primeira gandería da península en instalar duchas dentro dos seus robots para combater o estrés por calor.

“Sabemos os cambios de comportamento que ten a vaca ante o aumento das temperaturas, fundamentalmente a baixada de actividade física, e con este sistema o que estamos a conseguir é aumentar a frecuencia de entrada ao robot; buscamos chegar a superar as tres asistencias diarias”, sinala Sebastià Ruiz, de Emporvet, empresa que puxo en marcha este sistema nesta gandería xerundense en colaboración con Lely.

“Poñer a ducha nos robots foi unha decisión moi beneficiosa: vemos que cando empeza a funcionar, uns dous minutos despois do inicio do muxido, o animal se relaxa notablemente e, ademais, as asistencias ao robot aumentaron desde a súa instalación; pasamos dunha media de 2,8 a case 3,2”, destaca o propietario.

Tamén no relativo á loita contra o estrés por calor en Can Raset están a potenciar o aspecto da monitorización. Recentemente colocaron a todos os seus animais adultos os dispositivos SenseHub de Allflex para facer un mellor seguimento da actividade do rabaño.

“Rexistran e analizan os datos de canto arfa cada animal e, cando estiman cales poden estar a sufrir un episodio de estrés por calor, envían unha alerta. Isto permite optimizar os sistemas de refrixeración da granxa e facelos máis eficientes”, explica Antonio Díaz, de MSD Allflex.