María José Gómez, nova conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia

María José Gómez Rodríguez substitúe no cargo a José González. A nova conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, nacida na parroquia de Pradedo de Baixo, en Guntín (Lugo), é alcaldesa deste concello lucense dende 2019 e senadora pola provincia de Lugo desde as eleccións xerais de xullo de 2023.

Licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades, dende 2008 é profesora de ensino secundario na ensinanza pública, na especialidade de Inglés. Non obstante, Gómez non é allea ao mundo rural, senón que ten vinculación familiar co sector lácteo.

Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.