Anunciadas indemnizacións en Galicia polo sacrificio obrigatorio de gando por doenzas entre as que se atopa a EHE

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que regula a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, control e erradicación das súas enfermidades, e pola que se convocan estas achegas para o ano 2024.

A convocatoria conta cun orzamento total de 974.268 euros e abrangue o gando sacrificado ou morto por doenzas entre as que se inclúe a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Estas compensacións cubrirán, con carácter retroactivo dende setembro de 2023, todas as mortes de reses que se constate que foron causadas por esta doenza. Figuran, así mesmo, as mortes por posibles reaccións adversas fronte a vacina da lingua azul. Outras doenzas recollidas son a tuberculose, a brucelose, a leucose ou a lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, así como as diferentes encefalopatías esponxiformes transmisibles.

As explotacións afectadas deberán estar correctamente inscritas no rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA) para poder acceder a estas compensacións. O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria está aberto dende mañá ata o 29 de novembro de 2024.