Publicadas as axudas relacionadas cos programas de erradicación e control de enfermidades animais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas ordes de axudas da Consellería do Medio Rural para compensar o sacrificio obligatorio de animais por erradicación e control de enfermidades e para a reposición de animais, así como para o lucro cesante, por un importe total de 798.200 euros. En ambos casos, o prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, comeza mañá e prorrogarase ata o día 30 de novembro de 2023.

As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando, pola morte de animais ou pola destrución de produtos -no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades-, contan cun orzamento de 673.200 euros para este ano. Deste xeito, poderán ser beneficiarias de ditas achegas as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de animais que se sacrifiquen ou morran no marco dos programas oficiais decretados ou por motivo de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Por outra banda, as axudas para compensacións complementarias por lucro cesante e para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, están dotadas dun orzamento de 125.000 euros. Esta orde regula as axudas complementarias (lucro cesante) ás persoas físicas e xurídicas ou ás entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións nas que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo (baleiro sanitario) no marco dos programas oficiais.

Tamén se contemplan axudas ás persoas físicas e xurídicas e ás entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións destinadas á compra de animais para a reposición de efectivos, naquelas explotacións en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial.

DOG completo da axuda para compensar o sacrificio obrigatorio

DOG completo das axudas de reposición e lucro cesante