40 entidades recibirán axudas para asesorar ás explotacións gandeiras e agrícolas galegas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural de 2022 para o asesoramento a persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras ou agrícolas, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Un total de 40 entidades galegas recibirán unha achega de 3,25 millóns de euros para axudar ás explotacións a que melloren os seus resultados económicos, ambientais e a súa capacidade de adaptación ao cambio climático.

Os beneficiarios destas subvencións son entidades privadas inscritas no Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia e que dan servizo a titulares de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. Son subvencionables os custos de persoal, viaxes, material e gastos de funcionamento.

As entidades que prestan estes servizos poderán recibir un importe ente 800 e 1.000 euros, en función da modalidade de asesoramento. Así, a través destas axudas poderase financiar o asesoramento básico, o específico para a xestión da aplicación Contaláctea ou o plan de xestión ambiental e loita contra o cambio climático do sistema integral de xestión de explotacións.

DOG completo