Ampliado o prazo de solicitude das axudas para a incorporación de mozos ao agro, plans de mellora e o desenvolvemento de pequenas explotacións

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes das axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Deste xeito, os interesados teñen ata o vindeiro 27 de marzo para presentar as solicitudes.

Con esta liña de achegas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Está dotado dun orzamento total de 38,8 millóns de euros repartidos do seguinte xeito: 20,5 millóns destinados a plans de mellora, 16,5 millóns para a incorporación de mozos á actividade agraria e 1,8 millóns de euros orientados cara á creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Ademais, como na pasada convocatoria, resérvase un 10 % do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal.