A. Villarroel: "Dos sistemas de monitorización espérase que sexan como un traballador que non dorme, non cobra e o fai todo"

De Maui (Hawai) ata Lugo viaxou a veterinaria Aurora Villarroel para intervir como relatora na vixésima edición das Xornadas Técnicas de Seragro. Tras máis de dúas décadas traballando nos Estados Unidos, Villarroel presentou na súa exposición a súa experiencia como consultora en granxas que empregan sistemas de monitorización. Todo en Vaca Pinta 43.

Que destacaría como idea clave respecto dos sistemas de monitorización?

Son ferramentas e hai que saber como utilizalas ben, para que valen, ata onde chegan e, quizais, que outros instrumentos poderiamos necesitar, porque non todas chegan a todos os sitios. Hai empresas que teñen unhas cantas aplicacións que funcionan xuntas e hai outras que soamente teñen unha e funciona por separado. Isto obrígache a combinar varias e pode ser que te atopes con que non todas se conectan entre si. Ese é un grande hándicap: os sistemas non falan entre si. Por iso sempre lles digo aos gandeiros que, antes de meterse en nada (algo que hoxe en día é difícil porque a maioría da xente xa ten algo), miren se van poder expandilo, porque, se non, acabarán traballando con catro ou cinco pantallas.

É ese o principal problema ao que se enfronta un usuario que queira implementalos na súa granxa?

Problemas hai varios. O primeiro é que se di que coa maioría dos sistemas se poden facer moitas cousas, e é certo, pero é a persoa a que ten que facelas baseándose nos datos que se lle proporcionan. Estas aplicacións recollen a información, coma un computador. O posterior traballo de interpretación correspóndelle ao usuario.

Tamén hai confusión respecto da súa función en canto á prevención de enfermidades. Poderachas detectar antes de tempo, pero non as prevén. O que vas previlas es ti, gandeiro, veterinario ou consultor, unha vez que vexas no sistema que tes, por exemplo, moitas vacas enfermas no curral das recentemente paridas. Es ti o que modificas patróns en función dos datos e, desa forma, prevés enfermidades.

Xéranse demasiadas expectativas ao seu redor?

Dos sistemas de monitorización espérase que sexan coma un traballador que non dorme, non cobra e o fai todo, e iso non é así. Como dicía, son ferramentas. Un exemplo que eu adoito poñer é o dun coche no que entras por primeira vez. Nese momento, o primeiro que fas é axustar o retrovisor, adaptalo a ti. Pois o mesmo pasa con isto: hai que adaptalos e a maioría non sabe que hai que facelo, nin como facelo. Ese é, quizais, o problema máis destacable: hai algúns softwares que non se poden adaptar. Con eles acadas un 70-80 % do que pretendas, porque un estándar non vale para todos os casos.

O uso destas ferramentas implica un cambio na forma de ver as granxas e/ou na formación do persoal?

É difícil de dicir, porque hai tantísima variación nas granxas e nos tipos de colaboradores que teñen... Eu diría que realmente non é necesaria formación oficial. O que fai falta é usalas máis.

En relación con isto, unha pregunta que me adoita facer moita xente é se agora o gandeiro ten que estar diante do ordenador oito horas ao día. A resposta é que non. Hai listas que son diarias (inseminación, vacas enfermas, produción de leite, partos, secados...), pero despois hai listaxes que se fan unha vez á semana e outras que se miran mes a mes.


"Unha pregunta que me adoita facer moita xente é se agora o gandeiro ten que estar diante do ordenador oito horas ao día. A respuesta é  que non"

Ten tempo un gandeiro, durante o seu día a día, de revisar os datos que lle van proporcionando estes sistemas, a maiores de atender a granxa?

Eu aos meus clientes dígolles que lles dá tempo a revisar as súas listas diarias antes de acabar o café porque, se tardan máis de cinco ou dez minutos, algo está mal. Cinco ou dez minutos tenos calquera e, desta maneira, o que se fai é acurtar o traballo diario en polo menos dúas horas. Con esta rutina, vaste metendo cada vez máis no computador, conforme te vas afacendo a el e vas identificando patróns.

Claro, a aplicación o que fai é detectar variacións fóra do normal, pero, por exemplo, se as vacas camiñan máis, non sabe se é porque están en celo, porque alguén deixou a porta aberta ou porque se meteu un can no curral e está a facer que se movan. Sinala cales se moveron máis e o gandeiro, no canto de pasar dúas horas mirando todo o rabaño, despois de dedicar dez minutos a consultar a lista, poderá centrarse no grupo que lle está destacando o software.

Cal é o perfil do cliente co que traballa nos Estados Unidos?

Hai de todo. Aos gandeiros novos, os que van tomando a remuda xeracional, é aos que máis lles gusta a tecnoloxía. En tamaños de granxa teño desde 260 ata 4000 vacas. En xeral, o perfil é o daquel que quere mellorar, porque eu non me dedico ao básico, senón que vou un paso máis aló. Usamos a información para facer cambios no manexo, en como se organiza o traballo, no tipo de funcións que se realizan, nos tratamentos… 

Ve aos gandeiros españois preparados para facerlle fronte a este nivel de dixitalización?

Creo que en España temos tendencia a facer de menos o que sabemos e o que temos. Temos un complexo de inferioridade impresionante. Aquí sempre estamos a falar do que se fai alí e, cando fun aos Estados Unidos por primeira vez, acudín a unha conferencia na que, sorpresa, todo era falar do que estaban a facer os europeos. Estamos a copiarnos os uns os outros, no canto de centrarnos en ver que fai falta para o animal ou para a granxa.

Neste sentido, e aínda que ninguén coñece a súa granxa e as súas vacas mellor que o gandeiro, a miña función é atopar información, a través dos datos, que eles quizais non teñen tempo de ver. 

Hai granxas coas que se cadra levo sete anos e que non visitei nunca, cuxos donos non vin en persoa, pero si sei como traballan, como funcionan as súas vacas, en canto se desvían algo sei por onde vai... Digamos que son como un sistema de monitorización, pero vou máis aló.